domingo, 12 de septiembre de 2010

A figura de Lois Pereiro, por Antón Patiño

Antón Patiño, www.xornal.com (16/07/2010)

Con Lois Pereiro o próximo Día das Letras Galegas acada unha dimensión nova. O vieiro que vai de Novoneyra ata Lois Pereiro amosa a vitalidade poética do país. Tamén o intanxíbel sentimento de rebelde señardade que percorre o mellor das nosas letras. Trátase de dúas ben merecidas homenaxes. Existe moita intensidade no itinerario de Lois Pereiro. Agroman nistes días algunha das claves: experiencia urbana, punk, contracultura, desexo (datos que casan nunha atraente mestura). A propia presenza física era xa unha testemuña elocuente da actitude vital. Unha modernidade que amosa o seu vínculo coa música, co cine, coa cultura alternativa que ía deixar unha pegada fonda na sensibilidade colectiva dos anos 60 e 70 (que cadran co tempo de formación). Hai tamén unha linaxe simbolista e romántica, presente coma substrato na súa vontade estética. Un sentimento intimista fronte á dor da existencia. Unha ética onde o negro vai ser cor emblemática. A fasquía expresionista agroma en cada suco do rostro. Hai fotos lendarias: o noso poeta retratado contra o fondo da noite. Baixo a chuvia. A carón dun escaparate onde a sombra do espello proxecta a imaxe do dandi. Esguío, todo nervio e sensibilidade. Tamén os seus poemas fixeron esa ruta cara a áscese: nunha economía da expresión depurada ata o extremo. A raíz da emoción no cerne da palabra. Aquela estilizada silueta escura contra o trasfondo urbano (Monforte, Madrid, Santiago, A Coruña) era xa de primeiras unha proclama expresionista. Nómade existencial seguindo a ruta de Joyce en Dublín, paseando solitario por Edimburgo na procura do escintileo dun poema. Viaxando nun tren nocturno cara unha Centroeuropa mítica (parando na estación da desesperanza en Thomas Bernhard ou dialogando con Peter Handke). Deica atopar en Berlín imaxes interiores. Axexando todo con ollos introvertidos: a tatuaxe existencial gravada na conciencia. Personalidade hipersensíbel a reflectir o claroescuro dun drama espido. A luz negra da melancolía repregada sobre a espiral do “ennui”. Os seus poemas insomnes teñen moito de telegramas do alén. Radiografías da angustia. O mapa sensorial está feito de misteriosas fendas: vibra o silencio. O corpo é un segredo (que nos está a falar). Sentimos gravitar a palabra, tatuaxe na mente. Gravada na pel: pousada nas mans como unha ofrenda. A morte acada un seu dominio solemne: atravesamos o territorio das palabras-dor. A ringleira amoreada das liñas dun texto que doe. Silandeiras palabras que falan dun ámbito de clausura. Repousa baixo a lenda dun epitafio punk: Cuspídeme enriba cando pasedes/ por diante do lugar no que eu repouse/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de furia necesaria. Unha aleación de alto contraste: vida e morte, furia e silencio (esculca radical no epicentro da autenticidade). Se cadra ninguén coma o propio poeta cara expresar o sentimento que hoxe temos na reivindicación colectiva da súa obra: E estou vivindo un soño repetido/ nas noites dos que me seguen querendo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario