domingo, 12 de septiembre de 2010

LOIS PEREIRO SERÁ HOMENAXEADO O DÍA DAS LETRAS GALEGAS DO ANO 2011

http://www.realacademiagalega.org/notebook/FindNote.do?noteIdentifier=115&startIndex=1&count=100
26 de xuño de 2010.-


O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o día 26 de xuño de 2010 acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2011 a LOIS PEREIRO (Monforte de Lemos, 1958 - A Coruña, 1996).


Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid onde cursou estudos de Políticas, que logo abandonou polos idiomas e a informática. Na cidade madrileña fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas para unha loia (1996), libro no que se inclúe o ensaio "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia", que fora dado a coñecer ese mesmo ano nas páxinas da revista Luzes de Galiza.



De regreso ao país, onde compaxinou profesionalmente o exercicio da tradución co labor poético, figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), compilacións nas que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias, mais que partillaban inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas deste grupo heteroxéneo destaca o sostemento da revista.



Sempre reticente á difusión individual do seu traballo, foi non obstante colaborador de non poucas empresas de fasquía renovadora, de aí a participación en consellos de redacción e mailos artigos, poemas e relatos espallados por La Naval, Trilateral, Das Capital ou Luzes de Galiza, onde viron a luz -amais do ensaio xa citado- os oitos primeiros capítulos da súa novela inconclusa Naúfragos do paradiso. Nesta mesma liña actuou como letrista con Radio Océano e redactou guión televisivos.



En vida, Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 (Santiago de Compostela, Positivas, 1992), na que segundo consta na contracapa se recollen "tódolos poemas que escribiu ó longo da súa vida como poeta"; e Poesía última de amor e enfermidade (Santiago de Compostela, Positivas, 1995), duros e espidos poemarios nos que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura.



Lois Pereiro demorado e morno na publicación dos seus artigos cultivou desde os inicios unha imaxe e unha estética que logo fixeron del un autor de culto. Cartografou coma mingúen o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo. A súa proposta callou na sensibilidade emerxente, mergullada no posmodernismo, e desexosa de atoparse nun discurso reflexivo, acuciante e non retardario.



A morte sobreviríalle na cidade da Coruña no ano 1996.

No hay comentarios:

Publicar un comentario