domingo, 17 de octubre de 2010

¡Fóra as vosas sucias mans de Lois Pereiro! (Marcos Calveiro)

¡Fóra as vosas sucias mans de Lois Pereiro! en alfaias.blogaliza.org

"Seica hai moitos que seguen a pensar que un país se pode construír dende a cómoda cadeira dun departamento universitario e que a esperanza se agocha baixo unha mesa-camilla. ESES, que se autocualifican como os verdadeiros gardiáns das nosas esencias, os únicos expendedores de pedigree galego,  pontifican que o futuro dunha lingua reside no mofo que cubre a pedra vedraña dun panteón de ilustres ósos. ESES que cren que só eles teñen o dereito a escoller o cadáver que ano tras anos exhumamos e paseamos en santo cortexo por todo país. ESES que só nos deixarán como herdo o canón intocable dos ortodoxos, o dogma de fe dos puros de sangue, xa que serán soterrados coas súas miserias e os seus prexuízos.
Pois ben, ESES, seica andan moi indignados coa escolla de Lois Pereiro. Que NÓS, os neofalantes, non temos dereito a apropiarnos do seu día, dun dos seus poeirentos símbolos.  Por que NÓS, os que escribimos arreo en galego, os que aprendemos o galego nas escolas, os que cantamos e recitamos nos bares  en galego, os que facemos filmes en galego e os paseamos polo mundo,  os que tuitemaos e nos  socializamos en galego nunha infinda arañeira, somos uns conversos, o noso sangue é impuro. Porque NÓS, que non mamamos dos tetos do seu ideario reseso construído cos refugos do seu fracaso, estamos infectado polo virus da heterodoxia, da marxinación  e da mestizaxe.
Así que escoitade ben, só o vou dicir unha vez,  fóra as vosas sucias  mans de Lois Pereiro. É noso, perténcenos, gañámolo día a día, coa nosa escolla, coa nosa loita e coa nosa suor. E non é unha ameaza, é a realidade. Abride paso e facédevos a un lado, o voso tempo rematou xa. Noso é o futuro. Dos neofalantes, dos heterodoxos, dos marxinados, dos mestizos."
(Marcos Calveiro) publicado o
30 xuño 2010 ás 00:31 en alfaias.blogaliza.org

No hay comentarios:

Publicar un comentario